Máis de 5.000 visitas avalan o éxito da II Feira Educativa de Ourense

  • Organizada de forma conxunta entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e Expourense conclúe consolidada como unha cita necesaria para centros, docentes, alumnado e familias

 

  • O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe a feira acompañado polo deputado provincial Rosendo Fernández e o presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo

Éxito total da segunda edición da Feira da Educación de Ourense que conseguiu superar as expectativas dos 55 expositores participantes polo alto número e interese mostrado polas máis de 5.000 visitas (entre escolares, profesionais e familias) que se rexistraron nas dúas xornadas que durou o evento. O crecemento na superficie expositiva e no número de visitas leva xa aos organizadores (Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Ourense e Expourense) a pensar na terceira edición. Conclúe así unha feira que se converteu en necesaria e ineludible para toda a comunidade educativa ourensá.

Nesta segunda xornada volveu contar coa visita de alumnado de Bacharelato e Formación Profesional de distintos centros educativos da provincia que puideron coñecer os centos de opcións dispoñibles para continuar a súa formación académica con ofertas para todos intereses e petos. Esta feira serviu para destacar a excelencia da oferta educativa pública de Galicia, pero tamén ofreceu a opción de promocionarse a outras universidades e centros educativos públicos e privados do resto de España. Compre lembrar que Galicia é das poucas comunidades nas que o seu modelo educativo facilita a gratuidade da formación dende a gardería ata a Universidade.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, visitou esta mañá a Feira da Educación acompañado polo deputado provincial de Ourense, Rosendo Fernández. Visitaron aos expositores do salón con parada na área de Formación Profesional de Galicia que foi, sen dúbida, o stand máis visitado do salón xa que a nosa comunidade é a segunda de España con máis alumnado matriculado na FP (en relación ao total da poboación escolar) e o 85% deles estuda en centros públicos. Na actualidade, dous de cada cinco alumnos que finalizan a E.S.O. elixen a FP e o 26,6% dos galegos ten un título de FP.

Durante a súa visita, o conselleiro destacou que esta feira “é unha oportunidade para mostrar o traballo innovador que se está a levar a cabo nas aulas e para dar a coñecer ao alumnado as diversas opcións para o seu futuro académico e profesional”. Román Rodríguez tamén destacou a importancia destes eventos como espazos de colaboración, onde se xuntan administracións, centros educativos e organizacións diversas, fomentando así o intercambio de experiencias e o coñecemento mutuo dentro da comunidade educativa.

Logo de Previsel, a Feira da Educación foi segunda cita do calendario de Expourense para este 2026. A seguinte feira será xa a fin de semana do 11 e 12 de abril coa celebración do 4º Salón do Vehículo Clásico de Ourense.

 

X