O turismo deportivo é, xunto coa paisaxe e a gastronomía, unha das principais motivacións que atraen turistas a Galicia, unha comunidade que ten un gran potencial en ambos eidos (turismo e deporte). Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo, abriu esta mañá en Expourense as portas da súa terceira edición convertido nunha cita que naceu precisamente para posicionar a Galicia como destino activo contribuíndo así á desestacionalización do turismo achegando visitantes de proximidade a Galicia a través do deporte e contando ademais coa vantaxe de que os recursos naturais están repartidos por todo o territorio galego.
A terceira edición de Sportur foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández; pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira; polo concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; ou pla presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, entre outros representantes do turismo e o deporte provinciais.
Sportur Galicia serve tamén para visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubes deportivos da comunidade. Participan nesta edición 36 clubes que ofrecen en total máis de 60 actividaes que permiten practicar un total de 60 deportes diferentes e que converten ao recinto de Expourense nun gran parque miltiaventura: ciclismo; escalada; atletismo; slalom para deporte adaptado; marcha nórdica; zumba e baile; ximnasia rítmica; voleibol; kung-fu; deportes náuticos (piragüismo, remo, kayac e Canoa, vela, etc.); pitch and putt; mini basket; rugby; taekwondo; halterofilia; espeleoloxía; baloncesto; esgrima antiga; kickboxing; xadrez; pentatlón moderno; tiro virtual; tiro con arco, etc.
A primeira mañá de Sportur Galicia rexistrou moita actividade coa presenza de centos de escolares da provincia que participaron dentro do programa XOGADE que promove Deporte Galego e tamén nas probas de “Xogando Atletismo” que organizou a Federación Galega de Atletismo. A principal novidade desta edición é que está colocada a pista de atletismo hidráulica para poder realizar as probas de atletismo.
As actividades que tiveron lugar nesta primeira xornada serviron para promover entre os máis pequeños hábitos de vida saudables pero tamén outros valores como a non violencia non deporte; o coidado do medio ambiente ou a igualdade con exemplos como o clube de Natación Sincronizada de Ourense que animou a practicar a este deporte a nenos, xa que dos 86 federados, todos son nenas. Entre as novidades desta edición pode atoparse a “piragua dragón” con capacidade para 20 remadores; un gran muro-rocódromo de escalada; un circuíto de espeleoloxía ou a presentación da primeira escola deportiva de ciclismo oficial de Ourense cidade.
Na sesión de tarde tamén se comenzaron a repartir os dorsais para a XLIII Carreira Popular de San Martiño que se celebra este domingo. Tamén se recibiu a visita dos xogadores do COB.
Mañá sábado será un día de intensísima actividade en Sportur Galicia coa celebración de distintos campionatos e probas que convocaran cada un deles a centos de deportistas de toda Galicia como o campeonato galego de escalada en bloque, a copa Deputación de Taekwondo ou a de Kung-fu; o Torneo Absoluto e tamén o de Técnica de Galicia de Halterofilia; o II Torneo galego de Kickboxing ou Festival de Xadrez Cidade de Ourense organizado polo Clube Xadrez Ourense. Ademais, ás 7 de tarde entregaranse as medallas do “Correndo por Ourense”. Mañá sábado tamén pdoerá gozarse da gymkana hinchable xigante “Iron Children” achegada pola Concellería de Xuventude do Concello de Ourense.
Destinos de turismo activo
Entre os expositores procedentes de Portugal destaca a presenza dos parceiros de Turismo Porto e Norte que animou ás cámaras municipais a presentarse como destino activo de proximidade. Dentro desta rexión tamén haberá outros destinos que participan de xeito independente como Ponte de Lima, Vizela, Ribeira da Pena, Montalegre, Melgaço ou Vila Real, entre outras.
Polo que respecta a Galicia, nesta cita estanse a promocionar como destinos activos, naturais e sostibles concellos como o de Ourense, Trives, Arnoia, Pereiro de Aguiar, Viveiro, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Estación de Montaña de Manzaneda ou Xeodestino Ferrol Terra – Rías Altas, entre outros.
Accións profesionais
Co obxectivo de combinar o binomio turismo+deporte en Galicia, Sportur reforza nesta terceira edición a súa compoñente profesional para posicionase tamén como centro de negocios a través de accións como o 3º Workshop de Turismo Activo de Galicia no que participaron 15 maioristas de viaxes especializados en turismo activo que celebraron reunións B2B cos representantes de destinos de turismo activo presentes no salón.
Sportur Galicia está organizado por Expourense coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte e da Axencia de Turismo de Galicia. Súmanse tamén os esforzos da Deputación Provincial de Ourense e a Concellería de Turismo de Ourense contando tamén coa colaboración do Consello Municipal de Deportes.
A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. O horario de feira mañá será de 10.30 a 14.30 e de 14.00 a 20.00 h.
I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo
Hoxe concluíu tamén en Expourense o I Congreso Ibérico sobre Turismo Deportivo que se celebrou de xeito paralelo e complementario a Sportur Galicia e que convocou a 20 relatores de España e Portugal e a máis de 350 asistentes. Nas conferencias desta última xornada presentáronse exemplos de colaboración público-privada de éxito como é o caso da “Surfing Euskadi” ou eventos deportivos de gran impacto económico no territorio que se realizan como a “mallorca 321 Milestone Series” ou a “Irati Extreme BTT” do Pirineo Navarro. Tamén se falou de cómo medir o impacto económico dun evento deportivo e se presentaron destinos de turismo deportivo como a cidade de Pontevedra ou Porto e Norte de Portugal. Tamén foi presentado neste congreso a estratexia de turismo deportivo da provincia de Ourense que correu a cargo do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.