Con 294 coches vendidos e máis de 9.000 visitas, o 15º Salón do Automóbil de Expourense cumpre as expectativas dos expositores

• Foi unha cita organizada entre Expourense e ACAUTO que reuniu a 16 concesionarios oficiais que representaban a 25 marcas • O martes 26 de novembro farase o sorteo ante Notario do bono entrega dos 6.000 euros e o luns 2 de decembro farase a entrega ao gañador no concesionario que vendera o coche premiado

O Salón do Automóbil de Expourense consolídase como o momento e lugar preferido polos ourensáns para adquirir un novo coche. Así o demostran os datos de vendas e visitas desta décimoquinta edición que pechou esta tarde en Expourense as portas da súa 15ª edición logo de celebrar a cita adicada ao Vehículo Novo (a pasada semana) e ao Vehículo de Ocasión (cita desta fin de semana). Ambos os dous salóns celebráronse durante 6 xornadas de feira que atraeron ata o recinto de Expourense máis de 9.000 visitas que mercaron un total de 294 coches (114 novos e 180 de ocasión). Os organizadores mostraron a súa satisfacción por estes resultados e indican que esta edición cumpriu ás súas expectativas que pasaban por superar as cifras da última edición (265 coches vendidos e 8.000 visitas). Foi unha cita organizada de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. que contou coa participación de 16 concesionarios que representan a 25 marcas.

A cifra de vendas ascenderá nos vindeiros días, xa que é frecuente que se pechen, durante esta semana e a próxima, operacións comezadas nestes salóns. A esta cifra hai que engadir tamén os 108 coches vendidos durante a última edición do Car Outlet organizada tamén entre Expourense e ACAUTO e celebrada no pasado mes de abril.

Á vista destes datos, o Salón do Automóbil volveu cumprir o seu papel de cita esperada polos expositores, para incrementar as vendas do ano, e tamén polo público que agarda a este salón para mercar o seu novo coches, xa que sabe que no mesmo recinto pode consultar a meirande parte das opcións dispoñibles no mercado. Con estas cifras de vendas contribuirase a reducir a antigüedade do parque móbil de Ourense que, con 17 anos de media, é a máis alta de España.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volveu poner en marcha o sorteo, entre aqueles que mercaron un automóbil durante o salón, un bono desconto por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de venta do vehículo adquirido e que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia. A.C.A.U.T.O. realizará esta semana o sorteo ante notario na sede da Confederación Empresarial de Ourense (o martes 26 de novembro ás 12.00 h.) entre as papeletas que cubriron os compradores. A entrega do bono desconto terá lugar o luns 2 de decembro no concesionario que tivera vendida o coche cuxo cupón resulte premiado.

A actividade feiral en Expourense continuará xa nos mes de decembro coa celebración da sétima edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo, e do quinto Congreso Internacional de Turismo e Deporte que terán lugar no recinto feiral os días 12 e 13 de decembro. Estes dous eventos darán paso xa á actividade deportiva na pista curta de atletismo que albergará esta tempada unha vintena de campionatos e competicións entre os que destaca o Campionato de España de Atletismo Sub-16 Short Track que se celebrará entre o 15 e o 16 de marzo de 2025. Mañá luns tamén se retoma a vacinación no recinto.

 

X