- A cita organizada entre Expourense e A.C.A.U.T.O. abriu esta mañá as súas portas cunha mostra de 250 vehículos de 21 marcas
- Os vehículos electrificados suponen xa o 30% das vendas
- Modelos como o novo Peugeot 308 ou o BMW Serie 4 Gran Coupé poden verse nesta cita por primeira vez en España
Ourense, 01/10/2021.- Expourense convértese esta fin de semana na capital do Automóbil de Galicia coa celebración da 12º Salón do Automóbil Novo que abriu esta mañá as súas portas presentando unha ampla oferta composta por 250 vehículos de 21 marcas de todas as gamas, modelos, prezos e motorizacións. As empresas participantes fan unha forte aposta neste salón ampliando as opcións á hora de elixir un coche, xa que a meirande parte deles ofrecen importantes descontos especiais de feira que poden chegar ata os 10.000 euros. Nesta cita participan como 15 expositores os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O. Dende hoxe e ata o domingo celébrase o Salón do Vehículo Novo, e dende o 8 ó 10 de outubro celebrarase o de Ocasión.
Este salón acolle a presentación de 30 novidades onde os vehículos electrificados (híbridos, híbridos enchufables, 100% eléctricos), son xa maioría supoñendo o presente e futuro do sector. Dende ACAUTO informan que este tipo de coches supoñen xa o 31% das vendas xerais cando durante a última edición do salón (celebrada en 2019) non superaban o 10%. Nesta cita, cada un dos 15 concesionarios expón, como mínimo, 3 ou 4 modelos híbridos. De todas estas novidades, algunhas, como o novo Peugeot 308, elixiron o recinto de Expourense para facer a súa primeira presentación en España, mentres que o BMW Serie 4 Gran Coupé foi presentado mundialmente onte no Salón so Automóbil de Barcelona e esta fin de semana pode verse xa en Expourense.
Esta 12ª edición do Salón do Automóbil – Vehículo novo foi inaugurada esta mañá nun acto presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, quen estivo acompañado por distintos representantes institucionais e empresariais como o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea, ou a presidenta da CEO, Marisol Novoa. Esta comitiva realizou un percorrido polo salón para coñecer as novidades ofrecidas polos expositores que estivo guiado polo vicepresidente de ACAUTO, César Fernández. Os representantes de ACAUTO indicaron que teñen grandes expectativas neste salón e que agardar que contribúa a dinamizar as vendas logo de dos anos moi complicados para o sector.
As marcas presentes nesta edición son: Abarth, Audi, BMW, Citroen, Cupra, Dacia, Fiat, Ford, Hyundai, Kia, Mazda, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Suzuki, Toyota, Volkswagen e Volvo. No referente aos prezos, o abano é tan aberto como a cantidade e variedade de modelos e gamas expostas e varían dende os 9.950 euros que custa o Dacia Spring 100% eléctrico ata os máis de 200.000 euros que se precisan para adquirir un BMW Serie 8 Cabrio “The 8”.
Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do precio de compra do vehículo adquirido.
Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas 15 euros por cada vehículo vendido e que será achegada entre Expourense e ACAUTO.
O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.
O horario do 12º Salón do Automóbil será os venres 1 e 8 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 2 e 9 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 3 e 10 de outubro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).
Novidades presentadas nesta edición:
AUDI- Q4 e tron / Q4 e tron Sportback
BMW – Serie 4
FORD – Mustang Mach-E. Un SUV eléctrico
HYUNDAI – Ioniq5
FIAT – Fiat 500 3+1 la Prima – Eléctrico
KIA – Kia X- Ceed 1.6 PHEV – Híbrido Enchufable / Kia e- Niro- Eléctrico / Kia Niro PHEV- Híbrido Enchufable
MAZDA – Mazda MX-30 – Eléctrico
SUZUKI – Across. Un SUV 4X4, híbrido enchufable con autonomía en eléctrico puro
NISSAN – Qashqai
PEUGEOT- 308
RENAULT – Renault Arkana / Nueva Renault Kangoo / Renault Express / Nuevo Dacia Duster / Dacia Spring
SEAT – Ibiza / Arona
SKODA -Enyaq
TOYOTA – YARIS CROSS / YARIS/ RAV4 PLUGIN / PRIUS PLUGIN / HIGHLANDER / POACE CITY VERSO
VOLKSWAGEN – Polo
VOLVO – XC40 Eléctrico
CITROEN – C3 AIRCROSS