O 1º Escaparate do Comercio Ourensán nace co obxectivo de dinamizar o tecido comercial da provincia de Ourense poñendo en valor a calidade e variedade do sector. Trátase dunha cita organizada pola Federación de Comercio de Ourense contando co apoio da Xunta de Galicia e celebrarase esta fin de semana, sábado 5 e domingo 6 de outubro, no recinto feiral de Expourense, que colabora con esta cita achegando a loxística e o espazo.
O 1º Escaparate do Comercio Ourensán foi presentado esta mañá nun acto na CEO no que participaron a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; o vicepresidente executivo de Expourense, Jorge Pumar; a concelleira de Comercio de Ourense, María del Mar Fernández e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. Todos eles coincidiron en sinalar a necesidade de organizar eventos “ilusionantes” coma este que contribúan a achegar á poboación as vantaxes do comercio de proximidade.
Esta cita contará coa presenza de expositores onde destacará a oferta en téxtil, calzado, decoración e ferraxería, unha boa oportunidade para preparar o armario e o fogar de cara ao outono. O comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia de Ourense e citas como este escaparate buscan dinamizar as vendas das empresas locais e captar novos clientes fora da súa área de influencia habitual.
Para complementar a visita e pensando en ofrecer unha xornada de compras e lecer, dende a Federación de Comercio programaron un completo programa de actividades que inclúe, entre outras cousas, animación musical (de 16.00 a 21.00 horas) e degustación de produtos a partir das 18.00 horas. Un dos puntos fortes deste evento será a pasarela de moda prevista para o sábado 5 ás 17.00 h.
Este primeiro Escaparate do Comercio Ourensán será tamén o lugar elixido para gozar dunha xornada en familia, xa que contará cun área de animación infantil con inchable e obradoiros para nen@s de maquillaxe, tatuaxes ou xogos.
O horario deste escaparate será o sábado 5 de outubro de 11.00 a 21.00 h. e o domingo de 11.00 a 20.00 h., de xeito ininterrompido. Esta cita dispón dunha entrada solidaria cun custo de 1 euro que irá integramente destinado á Asociación Española Contra o Cancro e dirixido á investigación do cancro de mama.