Logo de ser ratificado o pasado 5 de maio polo Padroado, no día de hoxe tomou posesión do seu cargo como director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez González.
O novo director xerente é xa coñecido por moitos de vós posto que, dende a súa etapa anterior a este nomeamento, estivo sempre vencellado ás actividades organizadas por Expourense, en especial, con aquelas relacionadas coas potencialidades do territorio ourensán como o turismo enogastronómico ou o termalismo. Leva xa varias edicións formando parte dos comités de expertos que organizan as dúas feiras internacionais insignia desta Fundación: Xantar e Termatalia.
Rogelio Martínez conta cunha dilatada traxectoria profesional que comezou en 1979 cando foi elixido alcalde de A Arnoia, concello ourensán ubicado en pleno corazón do Ribeiro, cargo no que estivo 30anos. Tamén foi vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense durante 18 anos e posteriormente foi tamén delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, postos dende o que traballou, sobre todo, para impulsar o sector primario ourensán apoiando accións que implicasen a súa saída ao mercado internacional e o aumento da súa capacidade innovadora.
Rogelio Martínez chega a Expourense co reto de contribuír á reactivación do tecido empresarial ourensán logo da pandemia e de dirixir un recinto referente en Galicia.
Benvido ao equipo de Expourense!