- A Fundación Expourense organizou 7 feiras e acolleu 12 de eventos que reuniron a 352 expositores e 49.000 visitas
- A actividade deportiva incluíu unha quincena de campionatos de atletismo que contaron con máis de 4.000 visitas e máis de 1.200 sesións de adestramento na pista
- A principal novidade do 2021 foi a reconversión do recinto en centro de vacinación masiva contra a COVID-19 no que se administraron máis de 340.000 doses das distintas vacinas
A Fundación Expourense presenta os datos de 2021, 12 meses de intensa actividade que serviron de transición cara a normalidade e durante os que o recinto tivo que reinventarse e readaptar o seu calendario habitual ao novo escenario marcado pola pandemia. O 2021 foi o ano da compatibilidade e da convivencia, xa que á habitual actividade feiral e deportiva do recinto se sumou nesta ocasión a actividade sanitaria. As instalacións de Expourense convertéronse en centro de vacinación masiva contra a COVID-19 albergando durante 155 días cribados masivos e campañas de vacinación durante as que foron postas un total de 346.174 doses. Os tres eixos sobre os que xirou a actividade de Expourense durante o ano pasado (feiral, deportivo e sanitario) sumaron un total que supera as 400.000 visitas ao recinto.
A memoria de actividades 2021, ano no que o recinto feiral cumpriu 25 anos dende a súa inauguración, foi presentada esta mañá nun acto no que participaron representantes das entidades que integran o Padroado da Fundación Expourense ás que hai que engadir o Concello de San Cibrao de Viñas que non puido asistir ó evento. Os datos foron presentados polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e nel interviron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense – CEO, Marisol Novoa, e o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA, José Manuel Nogueira.
Actividade feiral
As sete feiras organizadas polo recinto en 2021 (Car Outlet, Ourense Vinis Terrae, Salón do Automóbil Novo, Salón do Automóbil de Ocasión, Antiq Auria, Xantar e Sportur Galicia), ás que hai que sumar as distintas accións profesionais vencelladas a Termatalia, contaron coa participación de 352 expositores. No referente á procedencia dos expositores, das visitas e dos asistentes ás actividades formativas propostas pola Fundación (ben presencial ou ben virtual), pódese falar de 45 países representados.
Estes datos confirman a Expourense como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, o viño, o turismo activo ou a automoción.
Unha das feiras celebradas en 2021, Xantar (Salón Internacional de Turismo gastronómico) está recoñecida co Selo de Internacionalidade outorgado polo Goberno de España. Foi a primeira edición celebrada no mes de novembro e estivo centrada na promoción da “Gastronomía dos Camiños”. O outro gran evento internacional do ano foi a organización de accións profesionais vencelladas a Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar) que incluíron o 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde celebrado por primeira ve, de xeito conxunto co IV Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida promovido polo Campus Auga da Universidade de Vigo no que participación de 72 relatores de 12 países e que contou con 500 inscritos de 29 países de 4 continentes. Tamén se incluíron accións de negocio como o Workshop especializado en Turismo de Saúde e Benestar do que formaron parte 24 touroperadores de 6 países ou a 18ª Cata Internacional de Augas de Termatalia: Contou coa participación dunha quincena de marcas de auga mineral envasada de España, Francia e Portugal.
De carácter bienal, no 2021 celebrouse a novena edición, a primeira delas en formato híbrido, de Ourense Vinis Terrae, Salón dos Viños e Licores de Calidade de Galicia que se posicionou como un centro de negocios internacional con 687 citas entre os 69 adegueiros galegos e importadores de 25 países.
Expourense tamén organizou en 2021 citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores. Contando co apoio de A.C.A.U.T.O. (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense) celebráronse en 2021 tres salóns (Outlet, Novo e de Ocasión) centrados na comercialización de vehículos que xeneraron un gran volume de negocio cun total de máis de 350 vehículos vendidos.
Pola súa parte, Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, coorganizada coa Asociación “Memoria Antiga” de Ourense, celebrou en 2021 a súa quinta edición recibindo máis de 2.500 visitas, o mellor dato de todas as celebradas ata o momento.
A última feira do ano foi a cuarta edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo que contribuíu a “vender” Galicia como un destino privilexiado, atractivo e seguro para o turismo activo.
Eventos
As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha ducia eventos alleos ao calendario feiral do recinto. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referente no sector MICE (organización de ferias, eventos, congresos e incentivos) de Galicia e constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.
Entre os eventos celebrados en 2021 destacaron os exames organizados pola Dirección Xeral da Función Pública; a presentación dos novos investimentos en infraestruturas sanitarias en Ourense por parte do presidente da Xunta de Galicia; o concerto de The Vargas Blues Band organizado por La Región; a Asemblea Anual da CIG ou a Xornada EmprendOu organizada pola Deputación Provincial de Ourense. Tamén foron o espazo elixido para unha exposición interactiva sobre dinosaurios ou un circo, para os cursos de formación das brigadas do SEAGA ou para celebrar o festival de orquestras organizado pola AGADIC. A estas súmanse xa outros eventos habituais como o Rallye de Ourense ou a gala de entrega do V Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia.
Formación
No 2019, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de xeito individual (9º Foro da Comunicación de Galicia), participaron máis de 178 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 6.000 asistentes.
Posta en valor da innovación e a calidade
A confluencia nas feiras e eventos celebrados en Expourense dos axentes públicos e privados implicados nos sectores económico converten a estas citas no escenario axeitado para recoñecer publicamente a aposta pola innovación, a calidade e o emprendemento. Deste xeito, Expourense entregou no 2021 unha nova edición dos “Premios Xantar Internacional” e da Cata Internacional de Augas de Termatalia e organizou a II Extraordinaria de Ourense Vinis Terrae.
Actividade deportiva
Dende finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta, unha das tres de España e unha das mellores de Europa. No ano 2021, acolleu unha quincena de competicións deportivas que reuniron a un total de 4.050 visitas.
O XXXII Campionato de España Máster en Pista Cuberta foi a cita deportiva mais importante do ano onde se deu cita a práctica totalidade do atletismo nacional, con máis de 600 inscritas/os que tomaron parte nas distintas competicións. Como resumo do campionato, o longo dos tres días de competicións lográronse 3 récords mundiais e 16 récords de España, conertindo de novo a esta pista cuberta nun referente nacional do atletismo.
Ademais das competicións, a pista de atletismo rexistrou actividade a diario a través das sesións de adestramento que se realizaron durante a tempada de pista de 2021 e que foron ao redor de 1.200. O que acredita que, cada vez máis, a Pista Cuberta de Expourense é vista como unha instalación de uso cotián por parte dos atletas de toda Galicia.
Actividade sanitaria
As instalacións de Expourense foron elixidas pola Consellería de Sanidade para seren convertidas nun dos centros de vacinación masiva de Galicia, actividade que tivo que compatibilizarse coa celebración e feiras, eventos e competicións deportivas. Nestas instalacións vacinouse e fixéronse cribados masivos durante un total de 155 días en 2021 e foron inxectadas un total de 346.174 doses das distintas vacinas.
A colaboración prestada polo persoal de Expourense levou a que un dos seus traballadores fose o representante elixido, en representación de todos os centros de vacinación masiva, para recibir a Medalla de Ouro de Galicia entregada pola Xunta de Galicia.
Todos estes datos están recollidos na Memoria de Actividades de Expourense 2021 que pode consultarse na súa páxina web (https://www.expourense.org/wp-content/uploads/memoria_expourense_2021.pdf)