Ourense converteuse hoxe na capital da comunicación e do marketing de Galicia ao reunir en Expourense a máis de 600 profesionais destes sectores que asistiron tanto ao 7º Foro da Comunicación de Galicia como á entrega dos IV Premios Paraugas.
7º Foro da Comunicación
O Foro da Comunicación de Galicia, organizado por Expourense coa colaboración do Clúster da Comunicación de Galicia, celebrou hoxe a súa sétima edición, que supuxo un novo éxito, tanto polo número e o prestixio dos 25 relatores como pola acollida recibida por parte dos asistentes, máis de 300 ao longo de toda a xornada. Este Foro está xa consolidado como un punto de encontro de referencia para os profesionais galegos vencellados a estes sectores, xa que lles ofrece a oportunidade de compartir experiencias con grandes expertos do sector e con directivos de importantes empresas que marcan tendencia á hora de comunicar.
O obxectivo deste 7º Foro da Comunicación de Galicia foi poñer en valor a calidade e innovación do traballo das empresas galegas nestes sectores, incluíndo tamén experiencias punteiras de empresas de fóra da nosa comunidade. O programa de conferencias deste 7º foro dividiuse en varias mesas de debate onde recoñecidos expertos no sector abordaron temas de actualidade que foron seleccionados polo comité organizador deste evento e no que se atopan as principais asociacións profesionais do sector en Galicia e as Facultades de disciplinas vencelladas á comunicación ou publicidade.
Comunicación, marketing dixital, deseño e publicidade foron os catro eixos sobre os que xirou esta edición que contou coa participación de directivos de axencias de publicidade punteiras en España como Dimensión, CHINA, Disrupción-Dx Global ou a propia BAP&Conde de Galicia e tamén co ex director creativo do Concello de Madrid na época de Manuela Carmena e calificado como “o que converteu en bonitas, simples e eficaces as mensaxes burocráticas das campañas municipais da capital madrileña”.
O 7º Foro da Comunicación contou co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e co apio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Medios.
IV Premios Paraugas
O Clúster da Comunicación de Galicia entregou esta tarde no recinto feiral de Expourense os IV Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia, Premios Paraugas, que se crearon en 2016 co obxectivo de recoñecer publicamente o bo facer das empresas e dos profesionais que traballan en toda a cadea de valor da comunicación dentro da nosa comunidade autónoma. Na edición deste ano, 14 entidades galegas recibiron premios.
No marco da convocatoria, establecéronse sete categorías de premios (con 18 subcategorías en total) ás que optaron máis de 250 candidaturas, cifra que pon de manifesto o crecente interese por un evento que, ano tras ano, se consolida como a gran festa galega da comunicación.
Relación de premiados:
A continuación detállanse as empresas e organizacións distinguidas no marco de cada unha das categorías:
Categoría Edición
Premio Paraugas ao Mellor Libro: Mulleres do silencio – Deputación Provincial de Pontevedra
Premio Paraugas ao Mellor Catálogo Publicitario: Catálogo comercial Vital Bath – Tórculo Comunicación Gráfica
Categoría Impresión (Premios HP Indigo)
Premio Paraugas ao Mellor Traballo Comercial (libro, folleto ou catálogo) impreso con Tecnoloxía Indigo: Libro 40 Aniversario de Agafac – Atelier Gráfica Visual
Categoría Deseño (Premios GAIN)
Premio Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico: Perfeccionista / Bodega Davide (packaging) – Roberto Núñez
Premio Paraugas ao Mellor Deseño Industrial: Totana – Isaac Piñeiro Design Studio
Premio Paraugas ao Mellor Deseño Dixital: Resistencia desde 1906 – Tony Le Brand
Categoría Creatividade (Premios BySideCar)
Premio Paraugas á Mellor Creatividade Gráfica: Resistencia desde 1906-0,0 – Tony Le Brand
Premio Paraugas á Mellor Creatividade Audiovisual: Fábrica de cervezas – Percebes – Segunda Edición – Tony Le Brand
Categoría Marketing Dixital (Premios .gal)
Premio Paraugas á Mellor Estratexia Dixital: Somos Semente – Roi Scroll
Premio Paraugas ao Mellor Proxecto de Negocio Dixital: Estratexia de venda end-to-end para Microsoft – Bysidecar
Premio Paraugas ao Mellor Proxecto de Social Media: #instaGal – Corporación Radio e Televisión de Galicia
Categoría Marketing (PremiosAvante)
Premio Paraugas á Mellor Estratexia/Acción de Branding: Elige Bigote – Grupo Nueva Pescanova
Premio Paraugas á Mellor Acción Relación / Escoita ao Cliente: Elige Bigote – Grupo Nueva Pescanova
Premio Paraugas á Mellor Estratexia / Acción de Produto: La hucha inteligente de EVO – EVO Banco-Coinscrap
Categoría Comunicación (Premios Galicia Calidade)
Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Comunicación Externa: Kómoda, la vida sin energía – Torres y Carrera, Consultores de Comunicación
Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Comunicación Interna: Amigo invisible (postales) – ABANCA
Premio Paraugas á Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial: Fundación Knowcosters – BAPCONDE
O Premio Paraugas á Mellor Creatividade no uso dos Medios (da categoría de Creatividade-Premios BySideCar) quedou deserto.
Premios honoríficos
Xunto a isto, o acto serviu tamén para por en valor o traballo e a traxectoria de diferentes empresas e persoas que se teñen significado pola súa contribución ao ámbito da comunicación. Entre os homenaxeados estiveron Alejandro Rubín, cabeza visible de Expourense durante dúas décadas, e José María Cruz Novillo, deseñador cunha ampla traxectoria que inclúe a creación de logotipos como o do diario El Mundo, o do PSOE, o do Banco de España e o de Correos, así como a de carteis de películas como La escopeta nacional, Los lunes al sol e Barrio.
Ademais, recibiu unha homenaxe póstuma o publicista e editor ourensán Luis Carballo, que faleceu este mesmo ano. Trátase dunha mostra do recoñecemento á súa labor como fundador da revista de comunicación Galicia Moda e como creador do Pelegrín, mascota e imaxe oficial do Ano Santo de 1993, o primeiro Xacobeo moderno.
Tamén no marco do evento, a asociación Executivas de Galicia aproveitou a ocasión para destacar e premiar á presentadora Silvia Jato.
Entidades organizadoras
Os Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia, organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia, contan co patrocinio de entidades e empresas como HP Índigo, GAIN (organismo dependente da Consellería de Economía da Xunta), BySidecar, .gal, Avante, Galicia Calidade e a Deputación de Ourense.
Ademais, colaboran no evento Expourense, Miraveo, Aceites Abril, Atelier Gráfica Visual, Atlántica Centro de Arte, Fundación Santo André de Teixido, a D. O. Valdeorras, Executivas de Galicia, Creatividade Galega, Dircom Galicia, Markea, Tac!, Galicia Business School e o Igape.
Ao acto asistiu un nutrido grupo de profesionais de toda Galicia, máis de 300 en total, entre os que se atoparon directivos de marketing e comunicación de destacadas empresas, así como de axencias de publicidade, deseñadores das artes gráficas e editores, e outros expertos destes campos, que contribúen co seu traballo a fomentar a competitividade galega no eido da comunicación.