Celebrarase o venres 12 de novembro en formato híbrido e participarán nel 22 relatores que analizarán as últimas tendencias no sector da comunicación, marketing dixital, publicidade e deseño como as fake news ou o marketing de contidos
Participarán os publicistas Fernando Vega Olmos, que foi presidente do xurado do Festival de Cine de Cannes, e Oriol Villar, creador de campañas como “La vida es chula” ou “Mediterraneamente”
Ourense, 08/11/2021.- Expourense e o Clúster da Comunicación de Galicia organizan una nova edición do 9º Foro da Comunicación de Galicia que se celebrará este venres 12 de novembro en Expourense e en formato híbrido puidendo ser seguido de xeito presencial dende as instalación do recinto feiral ou de xeito virtual desde calquera parte. Como xa é habitual dende hai 6 anos, a celebración do Foro servirá de antesala para a gala de entrega dos Premios da Comunicación, o Marketing, a Publicidade, O Deseño, a Impresión e os Eventos de Galicia. Ambas as dúas actividades convertirán a Ourense na capital da comunicación galega. Estes eventos están xa consolidaos como un punto de encontro de referencia para os profesionais galegos vencellados a estes sectores, xa que lles ofrece a oportunidade de compartir experiencias con grandes expertos do sector e con directivos de importantes empresas que marcan tendencia á hora de comunicar.
Para organizar o programa deste 9º Foro, Expourense e o Clúster da Comunicación de Galicia contan co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e co apoio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia. Representantes desta catro entidades participaron esta mañá na rolda de prensa de presentación deste evento: Rogelio Martínez, director de Xantar; Xosé Luis Reza, presidente do Cluster da Comunicación de Galicia; Emma González, xerente do INORDE e Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense. Entre todas estas entidades facilítase que esta innovadora acción formativa sexa de acceso gratuíto para profesionais do sector, xa que o obxectivo é fomentar a competitividade das empresas galegas e visibilizar o talento dos profesionais galegos neste sectores.
A asistencia a esta xornada precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org. Esta actividade conta xa nestes momentos con máis de 150 inscritos, cita que pode ata duplicarse ao longo desta semana.
O obxectivo deste 9º Foro da Comunicación de Galicia é poñer en valor a calidade e innovación do traballo das empresas galegas nestes sectores, incluíndo tamén experiencias punteiras de empresas de fóra da nosa comunidade. O programa de conferencias deste foro dividarase en varias mesas de debate onde recoñecidos expertos no sector abordarán temas de actualidade que foron seleccionados polo comité organizador deste evento e no que se atopan as principais asociacións profesionais do sector en Galicia e as Facultades de disciplinas vencelladas á comunicación ou publicidade.
Programa 9º Foro da Comunicación de Galicia
O programa deste Foro conta coa participación de 22 relatores que participarán maioritariamente de xeito presencial (3 farano de xeito online). Entre este relatores atópanse dous dos máis destacados creativos publicitarios na actualidade e que participan grazas á colaboración de Creatividade Galega (a asociación de axencias de publicidade de Galicia) e do seu presidente, Julián Abad, membro do comité organizador do Foro. O primeiro deles é o arxentino Fernando Vega Olmos, fundador da axencia Anita&Vega. Con 25 anos foi foi Director Creativo Executivo de Gowland, a axencia publicitaria máis importante da Arxentina e creador da axencia española LOLA. Foi ademais presidente do xurado do Festival Internacional de Cine de Cannes e xurado en catro ocasións. Fernando Vega Olmos será entrevistado por Chisco Saavedra, Socio Fundador de Wise e Secretario-Tesoureiro de Creatividade Galega.
A conferencia de clausura deste foro será a impartida polo publicista catalán Oriol Villar e que el mesmo titulou “O mellor momento é agora”. Da súa cabeza sairon eslogans publicitarios que forman parte xa do imaxinario colectivo español e que asociamos ás marcas para as que foron creados como “Como en casa en ningún sitio”, “Mediterráneamente”, “Doble o nada”, “Mucho gusto”, “La vida es chula”. Oriol Villar será entrevistado por Julián Abad, director creativo Executivo de Wise e presidente de Creatividade Galega.
As fake news e os bulos difundidos a través das redes sociais, teas de plena actualidade, serán abordadas en dúas mesas diferentes. A primeira delas será a conferencia dun dos maiores expertos en España na análise da denominada “postverdade”, Xurxo Torres, CEO da Consultora de Torres y Carrera, que falará sobre “O relato da mentira e o algoritmo”. Estará presentado pola directora de comunicación Amalia Baltar.
As fake news abordaranse ademais nunha mesa redonda na que participará unha das colaboradores de “maldita.es” (“periodismo para que no te la cuelen”), o medio de referencia en España sobre este tema. Participará Natalia Diez, colaboradora de “Maldita Migración”. Esta mesa, coordinada pola Asociación de Prensa da Coruña, contará coa participación do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Alberto Dafonte, que abordaá aspectos relativos á desinformación, tema sobre o que ten numerosas publicacións e traballos. Completará esta mesa redonda a responsable de Comunicación de «Ecos do Sur» (proxecto contra o discurso de odio e a desinformación denominado «CibeRespect»), Natalia Monje.
Como é habitual neste foro, organizarase unha mesa redonda sobre marketing dixital na que participan axencias punteiras neste sector. Nesta ocasión estará centrado nas reflexión esenciais para potenciar o marketing de contidos. Estará moderada polo director de marketing de “.gal”, Luis Antelo e contará coa participación do Director de Marketing de Rei Zentolo e Socio director de Elemental Chefs, Isaac González; do Ceo do Grupo Raiz, Jose Manuel Regueiro; do Coordinador do Master en Medios Sociales e Creación de Contidos Dixitais da Universidade de Vigom Xabier Martínez Rolán e da experta en creación de contidos e coordinación de estratexia de marketing B2B en Bannister Global, Verónica Casas.
O apartado do deseño e o poder das infografías á hora de comunicar será o tema analizado na mesa redonda “Xornalismo e deseño” que estará moderada polo infografista e deseñador, Álvaro Valiño, e contará coa participación como relatores de Artur galocha, infografista de The Washington Post ou de El País e de Manuela Mariño, deseñadora de La Voz de Galicia.
Pola súa parte, Executivas de Galicia organiza neste foro unha mesa redonda sobre “Comunicación e Igualdade” moderada pola xornalista Beatriz Garcia Cibreiro que contará coa participación de Rosa Vilas, directora adxunta de CRTVG; de Sofía Vázquez, redactora xefa de Organización e Opinión de La Voz de Galicia e de Lara Graña. Redactora xefa de Economía de Faro de Vigo.