Celebración do Día de Galicia na 52ª Feira AGRO de Braga

A 52ª edición de AGRO, a Feria Internacional de Agricultura, Gando e Alimentación, que se celebra dende onte e ata o vindeiro domingo na localidade portuguesa de Braga, organizou hoxe o Día adicado a Galicia. A comunidade estivo representada por Ourense a través da presenza da delegada territorial da Xunta na província, Marisol Díaz Mouteira; polo xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez González, e polo director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo, no seu último acto oficial neste cargo antes da súa xubilación o vindeiro luns. Ademais da presenza de Ourense participa este ano tamén nesta cita a Fundación Semana Verde de Galicia.

En virtude dos convenios de cooperación transfronteiriza que Expourense mantén con distintas entidades do Norte de Portugal entre as que se atopa o novo FORUM BRAGA, o recinto feiral ourensán conta cun stand dende o que está a promocionar as súas vindeiras citas vencelladas ó sector primario e ó turismo e nas que o mercado portugués xoga un importante papel. Ambas as dúas entidades levan xa 20 anos colaborando para garantir a promoción dos seus recursos nos eventos organizados pola outra e que están vencellados co termalismo, a gastronomía ou o viño, potencialidades que comparten as dúas áreas da Eurorrexión. 

Durante a visita da comitiva oficial do día ó stand de Expourense, ofreceuse unha degustación de produtos galegos de empresas como é o caso das Denominacións de Orixe Monterrei e Ribeiro, colabodaroras de Expourense durante todo o ano. A comitiva local estivo integrada polo vereador de Turismo da Cámara Municipal de Braga, Altino Bessa; do presidente e adaministrador da Invest Braga, Carlos Silva, e polo director do Forum Braga, Carlos Coutinho. “A cooperación entre o Invest Braga e Expourense é magnífica. No Xantar somos moi ben recibidos e aquí estamos para corresponder adicándolle un Día a Galicia. Cada ano medra o número de expositores galegos na nosa feira e oxalá cheguemos a ter tantos expositores galegos como Xantar ten de Portugal”, indicou Altino Bessa, quen indicou que Braga foi elixido segundo mellos destino europeo en 2019.

As citas que Expourense está a promocionar en AGRO estes días son:

– OURENSE VINIS TERRAE, 8º Salón do Viño e Licores de Calidade de Galicia – 1 e 2 de abril de 2019.
– TERMATALIA, 19ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar – 18 a 21 de setembro de 2019.
– SPORTUR GALICIA, 3º Salón do Deporte e Turismo Activo – 15 e 16 de novembro de 2019.
– XANTAR, 21º Salón Internacional de Turismo Gastronómico – 5 a 9 de febreiro de 2020.

Con esta participación en AGRO, Expourense reforza as súas relacións de cooperación transfronteiriza especialmente enfocada ao ámbito agroalimentario e ó turismo de proximidade co obxectivo de fomentar a competitividade das empresas galegas e, dun xeito especial, dos pequenos produtores ou cooperativistas.

AGRO é unha cita que desenvolve un relevante papel de promoción e divulgación dos produtos e que serve de punto de encontro das empresas agroalimentarias de todo Portugal (e tamén algunhas galegas) recibindo máis de 80.000 visitas en catro días.

X