Expourense reúne a 25 expertos que analizarán as novas formas de comunicar a través da información, a publicidade, o marketing e o deseño

22-11-2019

>> O 7º Foro da Comunicación de Galicia celebrarase o venres 29 de novembro e rematará coa Gala de entrega dos IV Premios Paraugas do Marketing e a Comunicación de Galicia, “os premios do sector para o sector” >> Participarán Nacho Padilla, ex director creativo do Ayuntamiento de Madrid; Guille Viglione, presidente de Dimensión; e farase unha homenaxe a Cruz Novillo “o home que deseñou España” >> 25 relatores debaterán sobre a comunicación na contorna rural; deseño galego; as novas tendencias do marketing dixital e publicidade informada e tamén se celebrarán os 25 anos da Facultade de Publicidade de Pontevedra


Ourense, 22/11/2019.- Ourense converterase un ano máis na capital galega da información, marketing, deseño e publicidade coa celebración do Foro da Comunicación de Galicia chega a súa sétima edición consolidado xa como un punto de encontro de referencia para os profesionais galegos vencellados a estes sectores, xa que lles ofrece a oportunidade de compartir experiencias con grandes expertos do sector e con directivos de importantes empresas que marcan tendencia á hora de comunicar. Esta cita celebrarase o venres 29 de novembro en Expourense e ofrecerá un completo programa no que participan 25 relatores entre os que destacan directivos de axencias de publicidade punteiras en España como Dimensión, CHINA, Disrupción-Dx Global ou a propia BAP&Conde de Galicia. 

Para organizar o programa deste 7º Foro, Expourense contou coa colaboración activa do Clúster da Comunicación de Galicia, co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e co apoio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia. Entre todos eles facilitan que esta innovadora acción formativa sexa de acceso gratuíto para profesionais do sector, xa que o obxectivo é fomentar a competitividade das empresas galegas. A asistencia a esta xornada precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org. Esta actividade conta xa nestes momentos con máis de 250 inscritos.

O programa do 7º Foro da Comunicación de Galicia foi presentado esta mañá nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza,e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, o programa de conferencias de Foro da Comunicación rematará pola tarde para dar paso á gala de entrega dos IV Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia e que está organizado polo Cluster da Comunicación de Galicia en colaboración con Expourense. Estes premios recolleron máis de 250 candidaturas, 50 das cales pasaron á final. Nesta gala serán homenaxeados pola súa traxectoria profesional o deseñador ourensán Luis Carballo (a título póstumo); o anterior director xerente de Expourense e impulsor deste Foro, Alejandro Rubín, e o deseñador Cruz Novillo (recoñecido como “o home que deseñou España”). Tamén será entregado o premio anual de Executivas de Galicia que reacerá na presentadora galega Silvia Jato.

O obxectivo deste 7º Foro da Comunicación de Galicia é poñer en valor a calidade e innovación do traballo das empresas galegas nestes sectores, incluíndo tamén experiencias punteiras de empresas de fóra da nosa comunidade. O programa de conferencias deste 7º foro dividirase en varias mesas de debate onde recoñecidos expertos no sector abordarán temas de actualidade que foron seleccionados polo comité organizador deste evento e no que se atopan as principais asociacións profesionais do sector en Galicia e as Facultades de disciplinas vencelladas á comunicación ou publicidade. 

Comunicación

O programa do 7º Foro arrincará coa mesa redonda sobre comunicación como ferramenta de dinamización social e económica na contorna rural que presentará os retos para comunicar no rural e cómo a comunicación pode servir para contribuir ao reto demográfico. Participarán nela Fernando Rodríguez Méndez, membro da Rede Española de Xornalistas Rurais, rede presidida polo xornalista Manuel Campo Vidal; a directora xeral de Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González e o director do periódico O Sil, Carlos Hervella, quen exporá a súa experiencia de cómo contribuir dende os medios a dar resposta ás necesidades e demandas existentes na súa área xeográfica, a comarca de Valdeorras neste caso.

Grandes figuras do deseño

Esta edición conta coa representación de importantes profesionais do deseño en España. Por un lado, participará como relator Nacho Padilla que foi o director creativo do Ayuntamiento de Madrid na época de Manuela Carmena e calificado como “o que converteu en bonitas, simples e eficaces as mensaxes burocráticas das campañas municipais da capital madrileña”. Padilla ven de recibir o Premio Gràffica 2019 por ser un exemplo de cómo organizar o deseño oficial dunha institución e por ter organizado un sistema de contratación que profesionaliza e da estabilidade e oportunidades aos seus provedores que eran pequenas e medianas axencias de deseño locais.

Relacionado co deseño, este foro servirá tamén para renderlle unha homenaxe polos seus 60 anos de carreira profesional a Cruz Novillo, “o home que deseñou España” tal e como indica o título do documental que acaban de estrear sobre a súa vida e obra. O seu estado de saúde impediu a súa presenza neste foro pero acudirá o seu fillo, socio, arquitecto e tamén deseñador, Pepe Cruz, quen conversará con David Barro, da Fundación DIDAC, sobre a figura de Novillo. O tamén chamado “o señor dos logos” xa que foi o deseñador de símbolos que forman parte da cultura colectiva española: dende os carteis das películas de Berlanga ata os logos de Correos, Renfe, Repsol, a ONCE, ata a bandeira da Comunidade de Madrid ou os billetes en pesetas do Banco de España.

O deseño galego estará moi presente tamén cunha mesa redonda na que participarán os membros do xurado, na categoría de deseño dos IV Premios Paraugas da Comunicación e o Marketing de Galicia. Estará moderada por Dani Bembibre de Costa Comunicación e nela intervirán representantes de tres dos estudos de deseño e comunicación visual máis representativos de Galicia: “Cenlitrosmetrocadrado”, “Desoños” e “Desescribir”. 

Marketing dixital

O marketing dixital será outro dos protagonistas da xornada coa celebración dunha mesa redonda que analizará as tendencias e novos formatos nas redes sociais e o potencial das campañas publicitarias nas redes. Estará moderada polo profesor Juan Manuel Corbacho, profesor da Facultade de CC. Sociais e Comunicación de Pontevedra e nela participarán tamén catro das axencias de publicidade máis destacadas da nosa comunidade: BySidecar, Iconweb, Redegal e Roi Scroll. 

Publicidade

A publicidade será amplamente tratada en varias mesas deste 7º Foro. Haberá unha mesa redonda sobre “Publicidade Informada” moderada pola presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, e na que participarán tres destacados profesionais do sector en España: Rafa Antón socio fundador e director xeral creativo de CHINA, a axencia que, entre otras, leva as campañas de publicidade de Adolfo Domínguez; Gonzalo Figari, director xeral de Disrupción-Dxglobal responsable da exitosa campaña “Un poquito de mí” de Balay e o galego Miguel Conde, presidente da axencia BAP&Conde que nesta ocasión participa como presidente tamén da Fundación KnowCosters, unha 
entidade sen ánimo de lucro que traballa para promover un consumo transformador a través do “consumo informado” dando información relevante aos consumidores para que estes poidan decidir, coa mesma liberdade, pero sabendo.

Tamén participará neste foro un dos grandes “gurús” da publicidade en España, Guille Viglione, presidente da axencia donostiarra “Dimensión” e responsable de campañas memorables como a dos balcóns de Euskaltel, coñecido como “Patxi”, do ano 2002 gañador do Festival Publicitario de San Sebastián. Falará sobre “Skip Ad, Publicidade, consumidor e o poder de elixir”. Defínese a si mesmo como “Son publicitario. Adícome a intentar que a xente prefiera as marcas que me contratan”. Será entrevistado polos membros de Creatividade Galega: Domingo Torrón (Reclam) e Carlos Álvarez (Rockandroll).

Este Foro será tamén un dos espazos elixidos para celebrar entre profesionais e futuros profesionais os 25 anos da Facultade de Publicidade de Pontevedra, agora denominada Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación. Os actos deste aniversario serán presentados polo decano da Facultade Xosé Baamonde. Esta presenza completarase coa ponencia sobre o Emprego de ferramentas publicitarias para a promoción de productos audiovisuais que estará impartida por Silvia Mirón, profesora desta Facultade e coordinado do Máster de Dirección de Arte Publicitaria.


Fotos Relacionadas