05-12-2018 Unha xincana inchable de 70 metros, gran atracción de Megaxove 2018

  • • 500 escolares da provincia de Ourense foron os primeiros en gozar das 60 actividades de Megaxove • No Día Internacional do Voluntariado, este salón convértese no mellor escaparate das actividades que realizan as entidades involucradas coa acción social voluntaria vencellada á xuventude • Mañá xoves permanecerá aberto en horario de 11 a 14 e de 16 a 20 h. A entrada é gratuíta

Ourense, 05/12/2018.- Megaxove abriu esta mañá as portas da súa 19ª edición cun programa de máis de 60 actividades vencelladas á educación, ó lecer ou ó deporte que están a servir de punto de encontro para a mocidade e as súas familias. No Día Internacional do Voluntariado, o Salón da Xuventude serve de plataforma para darlle visibilidade á labor que realizan durante todo o ano as asociacións xuvenís e clubes deportivos (integradas por norma xeral por voluntarios) como é o caso da Asociación Xuvenil Amencer, de Cruz Vermella Xuventude, a Organización Xuvenil Española, OJE-Ourense ou da Asociación Cultural Xuvenil Cipri Gomes. 

Megaxove contou esta mañá coa visita do alcalde de Ourense e vicepresidente executivo de Expourense, Jesús Vázquez; do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; da concelleira de Xuventude de Ourense, Sofía Godoy e polo asesor de deportes da Deputación Provincial de Ourense, Bernardino González que puideron comprobar de primeira man que citas como esta contribúen a espertar o interese dos máis novos en actividades relacionadas coa solidariedade ou coa adopción de hábitos de vida saudables. A vintena de expositores que participan nesta edición ofrecen unha ampla mostra das distintas opcións existentes para elixir as actividades extraescolares ou para o período vacacional: ciclismo, baile tradicional, atletismo ou obradoiros que ensinan a facer todo tipo de traballos manuais con material reciclado.

Consolidado xa como un gran punto de encontro para as familias, nesta primeira xornada, de carácter lectivo, Megaxove recibiu pola mañá a visita de máis de 500 alumnos de centros educativos da provincia de Ourense que foron os primeiros en gozar das 60 opcións que ofrece o salón e entre as que destaca a xincana inchable xigante de 70 metros que instalou no recinto a Concellería de Xuventude de Ourense. Foi a opción preferida no día de hoxe polos visitantes maiores de 8 anos que se atreveron a realizar a carreira “Iron Children-Humos Amarelo” chea de divertidos obstáculos. Mañá xoves a partir das 17.00 horas celebraranse varias carreiras competitivas que irán por idades dende os 8 aos 18 anos animando tamén aos pais e nais para que completen a proba acompañando aos seus fillos e fillas. O obxectivo desta proba é fomentar o exercicio físico e xerar a confianza necesaria nun mesmo para afrontar e superar os diferentes obstáculos, aprendendo o valor do traballo en equipo.

O Salón da Xuventude ofrece a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serve tamén de plataforma de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ó tempo libre, á cultura ou ó deporte. Nesta cita ten cabida todo aquelo que anime á participación activa e á adopción de hábitos saudables. 

Os expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de actividades que será inaugurado no Día Internacional do Voluntariado, e cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente. Todo elo transmitirase a través de actividades como a doazón de alimentos non perecedeiros que irán destinados á “Operación Quilo” organizada por Amencer; os obradoiros de traballos manuais con material reciclado que impartirá Cruz Vermella Ourense ou a demostración de cómo ser autónomo e ademais non contaminar obtendo enerxía con paneis solares que organiza OJE-Ourense.

Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles mozos ou nenos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense durante estes dous días. A empresa Nenoos Ourense impartiu hoxe varios obradoiros de achegamento á tecnoloxía e tamén vencellados coa economía e o emprendemento. 

Unha das entidades máis activas con este salón volve ser a Asociación Xuvenil Amencer que está a organizar unha decena de actividades. Ademais da “Operación Quilo”, impartirán obradoiros de maquillaxe ou traballos manuais (pompóns de la, pulseiras, hamas, chaveiros, marcos de fotos, maquillaxe, etc.), e ofrecerán xogos de mesa e de estratexia. Non faltarán ademais os espazos para toda a familia como o “Bebechán”, o “Ludochán” ou o recuncho para pais e nais. O salón conta tamén cunha Ciber Aula, e cun espazo adicado aos videoxogos que tamén tiveron gran afluencia de visitante ao longo de toda a xornada e onde un ano máis o “Just Dance” foi o preferido polos rapaces e rapazas.

Outras das entidades fieis a Megaxove son: Cruz Vermella Xuventude que organizarán obradoiros con material reciclado e xogos de mesa tradicionais; a Escola de Tempo Libre e Animación Cipri Gomes que organizou hoxe varios obradoiros nos que a través do deporte se practicaban outras habilidades como a coordinación ou o respecto aos rivais no xogo; o CCP Xaquín Lorenzo trouxo un ano máis os seus xogos populares ou a Escola de Baile, Canto e Música da Deputación de Ourense que fará unha actuación hoxe mércores ás 19.15 h. na que participarán 50 bailaríns e músicos de todas as idades.

O deporte terá coma sempre o seu espazo en Megaxove. Expourense é o lugar elixido por asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando distintas actividades. As principais novidades deste ano no ámbito deportivo serán as minicompeticións de atletismo, os adestramentos e clases abertas de judo que terán lugar mañá xoves e o circuíto infantil de ciclismo que é unha actividade permanente.

O Salón da Xuventude, que conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense e da Concellería de Xuventude do Ourense. Esta cita ten entrada gratuíta e permanecerá aberta en Expourense ata mañá xoves 6 de decembro en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h.




Imágenes asociadas




Diciembre 2018
L M X J V S D
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31


imagen