25-09-2017 Ourense acollerá a Semana do Baile Deportivo 2018, coa presenza duns 3.000 participantes de toda España

  • A Deputación de Ourense colaborará con este evento, que terá lugar no mes de xuño no Pazo dos Deportes "Paco Paz" e en Expourense, no que se disputará o Campionato de España nas súas diferentes modalidades, así como un congreso e un campus de verán

Ourense, 25 de setembro de 2017.- A provincia de Ourense acollerá do 22 ao 29 de xuño de 2018 a "Semana do Baile Deportivo", un evento que reunirá a uns 3.000 participantes de toda España e que terá lugar no Pazo dos Deportes "Paco Paz" e en Expourense, e no que colabora a Deputación de Ourense. Neste sentido, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó, con quen asinou un protocolo de colaboración para a celebración deste evento, que dará comezo o 22 de xuño coas roldas previas do Campionato de España de Danza Coreográfica. Ao día seguinte celebrarase o Trofeo Nacional "Ourense Provincia Termal", así como o campionatos nacionais de Hip Hop, Latinos, Caribeños e a final do Campionato de España de Danza Coreográfica. O día 24 de xuño terá lugar o Campionato de España de Line Dance e a Copa Promoción Latinos e Standard. No marco deste evento terá lugar tamén o Congreso Internacional de Baile "Ourense provincia termal" e un campus de verán.

Na recepción de hoxe tamén participaron a delegada en Galicia da Federación Española de Baile Deportivo, Graciela Toba; o director do club Moovet, Juan Manuel Fernández, e a directora adxunta de Expourense, Emma González, con quen Manuel Baltar analizou os aspectos organizativos do evento, o máis importante neste ámbito en España.

A provincia de Ourense presentara a súa candidatura a ser sede destes campionatos no pasado Campionato Nacional da Federación Española de Baile Deportivo que tivo lugar en Valencia, unha candidatura apoiada pola Deputación de Ourense. Manuel Baltar destacou o posicionamento da provincia de Ourense neste evento co Trofeo Nacional "Ourense provincia termal", "que contribuirá a seguir potenciando a "marca Ourense" no ámbito do turismo, o deporte e o termalismo, cunha actividade que, no seu conxunto, atraerá a miles de persoas á nosa provincia".

Pola súa banda, o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Bañó, destacou a importancia "de contar co apoio da Deputación de Ourense, no que será un dos grandes eventos deportivos do ano".

A Deputación de Ourense colaborará cunha achega económica do seu orzamento de 2018 para cofinanciar esta actividade e o Congreso Internacional de Baile "Ourense provincia termal" que se convocará paralelamente a este evento deportivo, o cal se realiza por primeira vez en España de modo conxunto, e tamén facilitará as instalacións do Pazo dos Deportes "Paco Paz" para celebrar os campionatos deportivos, así como os concertos que se desenvolvan con motivo do congreso.

A Semana do Baile Deportivo Ourense 2018 traerá a Galicia por primeira vez todas as modalidades integradas en competición da Federación Española de Baile Deportivo, recoñecido como disciplina Olímpica. Trátase dun deporte crecente en España e no resto de Europa, sendo Galicia a segunda comunidade en número de licenzas activas, tan só por detrás de Cataluña. A provincia de Ourense conta co Club Deportivo Moovet que vén de posicionarse cunha parella de bailaríns de 15 anos como campións de España en sala Cuban Style e subcampións en ritmos caribeños na categoría junior, sendo esta a primeira vez que concorrían nun certame nacional.



Imágenes asociadas




Octubre 2017
L M X J V S D
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031


imagen