Inicio     
Certificados de Calidad - Expourense
GALISENIOR
Voltar

 Entrega de premios do 7º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

 Data: 04/12/2007



>> O xurado destacou a practicidade dos proxectos presentados e as posibilidades reais de implantalos no tecido empresarial galego

 >> Julia Gónzalez Dopazo (Grao Superior) e Antonio Martínez Carballo (Grao Medio), acadaron o primeiro premio


Ourense, 04/12/2007.- “Proxectos de investigación con clara aplicación práctica ó tecido empresarial galego”. Con estas palabras definiu o Subdirector Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial ee presidente do xurado do 7º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, Rafael Juanatey Mayán, os traballos presentados nesta edición.

Organizado de forma conxunta por Expourense e pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e patrocinado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia, este certame ten como obxectivo vencella-la investigación realizada na Universidade co mundo empresarial, relación que se está a promover dende o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que no periodo 2007-2010 “ten previsto investir 813 millóns de euros na promoción da tecnoloxía aplicada ó tecido empresarial”, indicou Rafael Juanatey, “destes cartos 600 millóns serán achegados pola Xunta de Galicia e o resto pola Administración Local, Estatal e por entidades privadas”.

A sétima edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos constou de dúas modalidades: Grao Superior (titulacións superiores) e Grao Medio (titulacións técnicas) e no que participaron alumnos e alumnas das tres universidades galegas. Os proxectos gañadores foron:

Grao Superior:
- 1º premio: “Distributed- Aibench. Sistema para o intercambio de datos en Aibench usando Gaggle”, de Julia González Dopazo, da Universidade de Vigo (Campus de Ourense).
- 2º premio: “Optimización dun proceso de segmentación de obxectos en 3D empregando algoritmos xenéticos”, de Jorge Novo Buján, da Universidade de A Coruña.

- 3º premio: “Pulseira Bluetooth para persoas con discapacidade auditiva”, de Francisco Javier Valdés Sánchez, da Universidade de Vigo.

Grao Medio:
- 1º premio: “Gestorxml: sistema de xestión documental baseado en XML”, de Antonio Martínez Carballo da Universidade de Vigo, Campus de Ourense.
- 2º premio: “Sistema de integración e indexación de información biomédica para Aibench”, de Pablo Vicente Carrera, da Universidade de Vigo.
- 3º premio: “Sketch-arm. Ferramentas de Prototipado de Armarios”, de Ivan Rodríguez Conde, da Universidade de Vigo.

No acto de entrega destes premios estiveron presentes o tenente alcalde de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal, o director da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, Enrique Barreiro, o decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense, Jesús Vázquez, e o director da Escola Superior de Tecnoloxía e Xestión de Lamego (Portugal), Álvaro Bonito. Neste acto falouse ademais da posibilidade de, en virtude dos convenios de cooperación transfronteiriza, internacionaliza-lo concurso, extendendo a participación no mesmo ós estudantes das universidades do Norte de Portugal.

A entrega dos premios do 7º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos rematou cun xantar de convivencia e confraternización ó que acudirón tódolos participantes, membros do xurado e representantes das Universidades de Vigo e de Lamego.



© Expourense 2006 Información xeral e Aviso Legal