Inicio     
Certificados de Calidad - Expourense
GALISENIOR
Voltar

 7º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos: a aplicación das ideas ó mundo empresarial

 Data: 30/11/2007


Ourense, 30/11/2007.- O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos chega xa a súa sétima edición consolidado como unha grande oportunidade para os estudantes de Informática e de Telecomunicacións das tres universidades galegas para dar a coñece-los seus proxectos de fin de Carreira, xa que “un proxecto tecnolóxico con aplicación clara ó mundo empresarial pode se-la mellor tarxeta de visita para o alumno”, tal e como explicou o director da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), Enrique Barreiro. O acto de entrega dos premios deste Concurso terá lugar o vindeiro martes 4 de decembro.

 
 O director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, o delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Antón Jardón, e o director da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, Enrique Barreiro, durante a presentación do Concurso.

Organizado de forma conxunta por Expourense e pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e patrocinado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia, o certame ten como obxectivo vencella-la investigación realizada na Universidade co mundo empresarial ó mesmo tempo que intenta sensibilizar á empresa das vantaxes e dos beneficios que lles pode achega-la aplicación da investigación tecnolóxica no aumento da produtividade e competitividade. Polo tanto, teñen cabida aqueles traballos onde prime unha clara aplicación das súas ideas ó mundo empresarial.

A sétima edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos constará de dúas modalidades: Grao Superior (titulacións superiores) e Grao Medio (titulacións técnicas) en el poderán participa-los alumnos e alumnas das Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago que estean cursando na actualidade algunha das seguintes titulacións: Enxeñería Informática; Enxeñería de telecomunicacións; Enxeñería Técnica Informática ou Enxeñería Técnica de Telecomunicacións.

Os premios deste concurso serán entregados en Expourense o vindeiro martes 4 de decembro. O xurado reunirase e nomeará ós finalistas quenes haberán de defende-lo seu traballo durante 10 minutos. O xurado estará presidido por Rafael Isaac Juanatey Mayán, representante da Consellería de Innovación e Industria,  e integrado por dous membros da Universidade de Vigo e por dous empresarios.

O acto de entrega de premios terá lugar ás 13:30 horas. Concederanse tres premios en cadansúa categoría (Grao Superior ou Medio) cuxa contía ascende a preto de 4.000 euros, sendo os primeiros premios de 1.250 e de 1.000 euros respectivamente. A importante dotación económica dos premios é un claro indicador do interese que esperta esta convocatoria.

O acto de entrega rematará cun xantar de convivencia e confraternización ó que tamén acudirá un grupo de alumnos e alumnas da Escola Superior de Tecnoloxía e Xestión de Lamego (Portugal), que asistirán ademais ás presentacións dos proxectos finalistas logo de visita-las instalacións do Campus de Ourense. Esta visita é un máis dos actos de cooperación transfronteiriza que Expourense está a manter con distintas institucións do Norte do país veciño.



© Expourense 2006 Información xeral e Aviso Legal